Pouco Sol, poucos euros
Os hosteleiros de Baiona perciben a crise actual no sector cando ven para as súas caixas. Os turistas nos visitan masivamente, pero veñen a pasear e non deixan moitos cartos.
Algúns achacan o descenso de clientes ao mal tempo, outros a que as actividades culturais e de entretemento non son suficientes ou casi nin existen e outros creen que o incremento do prezo das hipotecas reduciu a capacidade de gasto en xeral.
Todos estes factores parecen incidir negativamente na ocupación hoteleira e o gasto medio por visitante, pero o feito é que en Baiona o incremento poboacional na temporada estival segue a notarse nas rúas. Quizáis sexa un efecto óptico pola redución de prazas de aparcamento no centro, pero semella que a habitual saturación producida a estas alturas de Verán non decreceu considerablemente.
Outra cousa será a modificación no perfil do visitante medio, xa que se os hoteis non están cheos e hai tanto turista, será porque ou ben aluga apartamentos particulares (unha práctica moi arraigada no noso Concello) ou ben xa é propietario dalgunha vivenda no noso entorno.
Este segundo feito é moi destacable e nos leva a analisar se realmente o turista de Baiona ten capacidade económica para deixar gasto.
Actualmente, o sector que está a sacar rendemento económico ao Verán é o dos supermercados, non hai hora do día no que vexamos pouca xente facendo colas nos supermercados habituais do centro de Baiona. Mesmo se analisamos a disposición de certos productos neles, podemos observar que se tende a productos de reducido prezo.
En conclusión, Baiona, podemos considerar, ten cada vez máis turistas de "bocata" e menos de "mesa e mantel", algo que resulta moi negativo para as expectativas de negocio que xerou tradicionalmente a hostelería. Cada vez vemos máis restaurantes e taperías que pechan, sen dúbida debido a unha autoregulación da oferta. Baiona precisa de atopar novos motores económicos que apoien ao turismo, porque a galiña dos ovos de ouro está moribunda e pode deixar moitos orfos polo camiño.
chuzame - 
