Albricias
Do máis destacable da entrevista que se publicou onte no Faro de Vigo, salientamos o anuncio de que se verá o novo PXOM antes deste Nadal. O agasallo de Nadal tamén virá acompañado do PEPCHA e o Plan Especial de Portos.
Como xa tiñamos anticipado, o 2008 será un ano moi interesante e crucial para o Baiona do século XXI. Decisións de enorme calado hipotecarán ou solucionarán a vida a moitos baioneses, poderán colocar ao noso concello na vanguarda ou o destrozarán irremediablemente. Son de tal importancia estes momentos que un paso en falso ou unha boa xogada a tempo poden dinamitar ou catapultar a vida política de calqueira dos membros da corporación municipal e mesmo das forzas activas que rodean aos partidos políticos.
Os primeiros pasos parece que van ben encamiñados. Se constituiu unha Comisión Sectorial de Urbanismo. Luz e taquígrafos deixaran constancia das ideas e proxectos que se poden plasmar na Biblia do Urbanismo Municipal. Ésta é unha iniciativa nada común un concello gobernado polos populares, somentes temos que remitirnos aos nosos veciños de Nigrán ou Gondomar e mesmo de Tomiño. Pero xa temos dito que o PP de Baiona está a mudar considerablemente desque caeu en mans do Sr. Almuiña. Luces e sombras marcan a súa xestión, pero as sombras cada vez quedan máis tapadas polas luces.
O mesmo lles pode pasar a PSOE e BNG. Un paso en falso impedirá que no 2011 podan ter algunha esperanza de arrebatar a maioría á dereita, pero para iso aínda teñen que superar dúas etapas moi importantes: as Xerais do 2008 e as Autonómicas do 2009. Un cambio de cor política en calqueira das dúas Administracións, non falemos xa das dúas, plantexaría unha cálida campaña municipal para os populares, non nos quepa dúbida.
De todos os xeitos, se o trámite do PXOM, PEPCHA e demáis se realiza con total transparencia e rápidamente, a oposición non terá onde aferrarse para acadar un cambio político que no resto dos concellos do Val Miñor sí que se acadou. Incluso este factor pode ser clave á hora de analisar tanto o posible panorama político no 2011 como a forma de actuar da actual corporación municipal. Ver acusados aos Alcaldes de Nigrán, Gondomar e Tomiño por delitos urbanísticos fan extremar as actuacións ata ao máis limpo e legal Alcalde galego.
O único lamentable de todo isto é que moitos debates doutra índoles e, se cabe, de máis interés para a cidadanía poden quedar oscurecidos. Sen ir máis lonxe, o futuro Museo da Navegación. Non se xerou debate, a pesares do infructuoso intento do BNG, que levouno en portada no seu último boletín. Non podemos esquivar a nosa culpa tampouco, porque nin tan siquera o tratamos en nungunha anotación. Todos somos humanos.
chuzame - 
